23/6/18

VISITAMOS O PAAR DE CAMPOLAMEIRO

As aulas de 5º e 6º de Infantil realizamos a nosa viaxe de final de curso a Campolameiro. Como colofón do Proxecto dos Petróglifos e Prehistoria realizamos unha visita guiada e un obradoiro ao PAAR de Campolameiro, podedes ver no seguinte vídeo un resumo desta actividade.

22/6/18

PETRÓGLIFOS

Nestas últimas semanas de clase tivemos unha compañeira de viaxe moi especial....Petra!, unha nena da Idade de Bronce que viaxou no tempo para abrirnos as portas dunha etapa moi importante no desenvolvemento da nosa historia.
O proxecto arrancou dende a biblioteca do Centro cun xogo de pistas que nos levou a coñecer a Petra e iniciar o noso Proxecto de Petróglifos.




Pintamos fermosos murais con distintas técnicas e planos...


Na nosa investigación, sentimos curiosidade polos traballos coa palla, a profe Amelia ensinounos como se trenza a palla...


Nesta pequena  ventá ao pasado que abrimos tivo moito protagonismo tanto o presente coma o  futuro máis inmediato da nosa sociedade: as novas tecnoloxías. Dende o inicio xogando co robot Mbot que nos guiou nas pistas da biblioteca ata o final co achegamento da moita información do noso Concello sobre os petróglifos con códigos Qr.




21/6/18

ENTREGA AGASALLOS POLOS "CONTOS QUE CONTAN"

O día 13 de xuño viñeron Pili, da Biblioteca Pública, e o Sr Abraldes, o alcalde de Barro, para entregar uns agasallos ás aulas de infantil pola participación no Concurso de contos convocado polo Concello : "Os contos que contan"

Podedes mirar un pequeno vídeo do acto no Blog da Biblioteca:
https://oblogdemimi.blogspot.com/2018/06/entrega-de-agasallos-infantil.html

Ao remate fixemos unhas fotografías co noso agasallo, un lote de libros para cada aula.


 

16/6/18

VISITA Á BIBLIOTECA PÚBLICA DE CALDAS DE REIS

O pasado 8 de xuño, as nenas e nenos de tres anos do noso Centro visitamos a Biblioteca pública "Padre Martín Ferro" de Caldas de Reis. Rosa e Cristina, as responsables da biblioteca, ensináronnos que hai moitos libros diferentes: grandes, moi grandes, pequenos, moi pequenos, libros acordeón, con lapelas, con sorpresa, ... Contáronnos unha manchea de contos moi divertidos!!! Para rematar a visita na biblioteca, puidemos coller e ver os libros que quixemos da zona infantil!! Foi xenial e gozamos moitísimo!!!

Antes de voltar ao cole, merendamos no Xardín. Aquí podedes ver un vídeo resumo da xornada.


Grazas Rosa e Cristina por amosarnos a biblioteca, por facernos pasar unha mañá marabillosa entre  risos, sorpresas e fantasía, grazas por abrirnos, un pouquiño máis,  as portas do mundo máxico dos contos e dos libros!!

12/6/18

EXPOSICIÓN VOCES DE MULLERES

Rematamos o Proxecto Voces de Mulleres amosando e expoñendo o que aprendimos.
Os nenos e nenas de 3 anos faláronlle ás aulas de 4 e 5 anos de Maruja Mallo (pintora) e Marie Curie (científica).
Na aula de 4 anos B investigaron tamén a Marie Curie, a Alicia Suárez (ilustradora) e Menchu Lamas (pintora).
Na aula de 4 anos A investigaron a Paula Carballeira (escritora), Soledad Penalta (escultora) e Susana Martínez Conde (científica).
Na aula de 5 anos A investigaron a Adela Turin (escritora), Sonia Delaunay (pintora e deseñadora) e Susana Oubiña (científica, experta en robótica).
Na aula de 5 anos B investigaron sobre a vida de varias mulleres "Pioneiras" galegas: Isabel Barreto (almiranta), Celia Rivas (condutora de camión), Isabel Zendal (enfermeira), Áurea Rodríguez (gaiteira), Irene González (futbolista) e Ángeles Alvariño (bióloga).

Botádelle un ollo ao noso vídeo resumo:


Máis información sobre este proxecto no blog da biblioteca:
https://oblogdemimi.blogspot.com/2018/06/voces-de-mulleres.html