31/5/10

OBRADOIRO DE CUNCHAS


Hoxe pasámolo moi ben con Fran, o pai de Elena. Ensinounos a facer unha figura de escaiola con cunhas en relevo. Foi unha experiencia moi emocionante e sorprendente. Sobre todo ó final cando separamos o barro da escaiola e apareceron as formas das cunchas que introducimos na base de barro. ¡Veredes que interesante!

28/5/10

EXCURSIÓN FIN DE CURSO



Este ano a excursión de fin de curso fixémola ó ACUARIO do Grove e ó Museo da Salazón. No acuario estabamos algo abraiados mirando tantos peixes, bivalvos e crustáceos. O que máis nos chamou a atención foi o tiburón toro, as raias, o cabaliño de mar e un pez pallaso que nos lembraba a Nemo. Logo fomos ó Museo da Salazón que está moi preto do acuario o que máis nos chamou a atención foi o piso de cristal sobre o que podiamos camiñar e dende o que se via os salgadoiros antigos, pero dábanos moito medo a algúns. Seguro que despois de ver as fotos, vos apetece ir de excursión, xa veredes.

24/5/10

TRUFAS DE CENORIA

Esta semana fixemos unha receita moi curiosa: Trufas de cenoria. Polo nome non resultan moi saborosas, porén, saben moi ben. Mírade como as fixemos e probade a facelas.

20/5/10

VISITA Ó TALLER DE FRAN



Hoxe pola tarde xuntámonos profes, nais, pais e nenos/as para visitar o taller de Fran, o pai de Elena. Pasamos un rato moi agradable. Fran mostrounos algunhas das obras que xa tiña feitas (como un busto de Elena e variedade de esculturas en madeira, barro, poliéster) e outras nas que aínda está a traballar como: unha nora para un muíño andaluz, un relevo, unha dorna...

14/5/10

BANDA MÚSICA DE BARRO

A Banda de Música de Barro volveu ó cole, coma o ano anterior polas Letras Galegas, para ofrecernos unha audición musical, interpretando algúns temas musicais de películas de debuxos coñecidas polo alumnado. Remataron convidando a algúns alumnos/as a tocar os instrumentos, así como a formar parte da Banda.

LETRAS GALEGAS 2010


Este ano como ben sabedes o Día das Letras Galegas está dedicado ó escritor Uxío Novoneyra. Nacido en 1930, na serra do Courel, inspiración da súa futura creación poética, morre en 1990 en Compostela e é enterrado en Lugo. Entre as súas publicacións de literatura infantil destacan: "O cubil do xabarín", "Gorgorín e Cabezón", "Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín"... e moitas outras obras: "Os eidos", "Elegías do Courel", "Poemas Caligráficos"...
No cole para homenaxear a Uxío Novoneyra realizamos diferentes actividades: teatro, poesía, presentación, murais...

11/5/10

ENTREGA DO II PREMIO MIMI

Aquí vos deixamos os vídeos do paso do Xabarín polo cole.


Hoxe visitunos "XABARÍN" O SUPERCOCHO DO "CLUBE DA GALEGA" para recibir o II Premio Mimi, mascota do colexio. Xabarín foi "o persoeiro do ano" gañador, tralas votacións, de entre os candidatos propostos. Para recibilo preparamos carteis que se levaron para decorar a Biblioteca do Concello, tamén fixemos pegatinas e cantamos míticas cantigas do Clube. Falou moito e respondeu a tódalas preguntas que lle fixemos. Ademais, deixounos como agasallo unha carpeta e un CD+ DVD para cada un.

10/5/10

MARMELADA DE AMORODOS

Esta semana a receita que preparamos foi a de "marmelada de amorodos". É moi fácil de facer, só precisamos amorodos e azucre. Ademais a marmelada pode acompañar en: torradas, galletas, tortas, iogures...

5/5/10

BATIDO DE MAZÁ

Esta semana preparamos un riquísimo batido de mazá, que ademais é moi rápido de facer. ¡Podedes probar a facelo na casa coa mamá ou co papá!

3/5/10

A MASCOTA DE MARCOS

Hoxe MARCOS trouxo ó cole a súa mascota para presentárnola a todos. É unha cobaia, chámase Pipo. Marcos está moi emocionado co seu novo amigo, ocúpase de axudar na casa a limpalo e a darlle de comer. ¡A que é moi bonitiño!

OBRADOIRO DE CAMISETAS

Este luns despois do patio, Anabel axudounos a pintar con pincel camisetas con motivos moi variados. Foi moi divertido. Veredes que somos uns artistas e que quedaron moi vistosas.