26/4/18

Visita ao Salón do Libro 2018

Fixemos unha saída moi interesante e divertida ao Salón do Libro de Pontevedra. Nada máis chegar, agardábanos alguén moi especial...Orbil !!!

Despois pasamos a unha sala onde nos esperaba unha contacontos mexicana. Este ano o país invitado é México. A sala estaba ambientada con motivos da cultura mexicana. Quedamos marabillados! Quedamos marabilladas!

Tras escoitar os contos, fixemos unha visita pola exposición dos traballos de todos os coles participantes. Alí tamén estaba o noso.

Antes de rematar, Rocío, a nosa monitora, falounos sobre México. Despois probamos un fermoso recuncho de lectura onde podemos ir coa familia a desfrutar dos libros.

Para rematar a mañá, fomos ao Edificio VI do Museo de Pontevedra. Alí nos falaron dos Romanos e puidemos ver unha exposición da Prehistoria recreada con "playmobil" que leva por título "Playevolución".   

Agardamos que vos guste o resumo desta mañá tan completa.

Podedes entrar no blog da biblioteca para saber máis do traballo que presentamos desde o noso cole. 

https://oblogdemimi.blogspot.com.es/2018/04/participamos-no-xix-salon-do-libro-de.html



Visita á exposición "As nosas senlleiras"

Estes días ten lugar unha exposición moi interesante no terceiro andar do edificio do Concello de Barro: "As nosas senlleiras..." Alí puidemos aprender que árbores ou formacións de árbores teñen esta consideración e onde podemos ir visitalas, pois todas están moi preto!!

Ademais da visita, fixemos actividades que nos axudaron a coñecer e comprender mellor a importancia de coidar destes tesouros naturais e da nosa contorna.

Xa sabedes! Co bo tempo animádevos a pasear e a desfrutar entre tulipeiros, magnolias, carballos, causarinas, freixos...


31/3/18

TALLER DE COMPOSTAXE

Os días 22 e 23 de marzo acudimos á Biblioteca do colexio para recibir a visita de Rocío, mestra do CEIDA, para falarnos da Compostaxe.
Comezamos mirando un vídeo e logo amosounos a súa mascota, o caracol "Ecocol", que nos plantexou un xogo co que os nenos e nenas de Infantil lembramos moitas cousas das que aprendemos nas aulas.  

Gozamos tamén cuns peculiares xogos de maxia nos que quedamos asombrados de ver como se "transformaban" diversos obxectos que usualmente tiramos ao lixo. Unha boa mostra de "Reutilización".
 
Por último, empregando a "terra máxica" que Rocío traía (que dixo se chamaba "compost") plantamos unhas fabas que levamos para as nosas casas.
 
Podedes mirar un vídeo resumo desta actividade no blog da Biblioteca:

Gustounos moitísimo!
Grazas Rocío!


29/3/18

MICROCREACIÓN EIVA

O alumnado de Ed. Infantil (5 anos A) participa no concurso de Microcreacións convocado pola Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega con este significativo cartaz:


Parabéns, artistas !

27/3/18

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

O 21 de marzo celebrouse o día mundial da poesía, os alumnos e alumnas de Educación Infantil conmemorámolo recitando uns versos do libro Pola Rúa dos Versos de Ana Fernández.

Debuxamos o que máis nos gustou do poema.


E...mirade que artistas!!


Xogamos coas palabras, coas imaxes,
coas estrofas e os versos,
co corazón enchido de ledicia
desfrutamos sendo poetas
neste día de poesía!


22/3/18

Teño unha "súper mamá"!



Enmarcada na semana da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, o pasado 15 de marzo @s nen@s das dúas aulas de 5 anos contaron @s compañeir@s de tres e catro anos por que teñen unhas "súper mamás". Velaí tedes unha pincelada do que foi esta actividade tan fermosa e enriquecedora.






28/2/18

DÍA DE ROSALÍA EN EDUCACIÓN INFANTIL

O 24 de febreiro celébrase o día de Rosalía. En educación infantil celebrámolo recitando uns versos dunha das súas poesías, Alborada, e facendo unha bonita postal. Agardamos que vos guste!



21/2/18

Photocall Educación Infantil

O 9 de febreiro celebramos a festa de Entroido no Colexio. Grazas á  mamá de Sara e Diego García das aulas de 5 anos, gozamos dunha sesión de photocall moi divertida, xa que nos trouxo un fermoso e divertido photocall de paiasos.
Moitas grazas polo teu traballo, así da gusto! 

16/2/18

A CORRIDA DO GALO

A pasada semana os nenos e nenas de 5 anos B saímos ao patio para poder mirar como os compañeiros e compañeiras de Primaria participaban na actividade da Corrida do Galo.
De volta á clase deixamos recollido nunha ficha como se desenvolve esta actividade. Aquí están algúns destes traballos.






Podedes ler máis no blog da Biblioteca si premedes no enlace:

7/2/18

AS FAMILIAS CONTAN.

Recibimos na Biblioteca a visita de Laura, a mamá de Jorge da clase de 5 anos B, para ler dous contos.
Cando voltamos á aula falamos deles e fixemos uns debuxos. 
Mirade que chulos!

Temos máis información no blog da Biblioteca: O blog de MIMI


17/12/17

Mes da Ciencia

O mes de novembro estivo adicado á Ciencia en Galego nas Bibliotecas Escolares.
Por este motivo, desde a Biblioteca propuxéronos un xogo de pistas para investigar e saber máis dunha muller de ciencia pioneira no seu campo: Marie Curie.

Gustounos tanto esta investigación que quixemos ser científicos e científicas. Na Biblioteca e tamén nas aulas fixemos experimentos, xogamos a mezclar diferentes elementos e observar o que sucedía ... Así que collemos diferentes envases e mesturamos: auga, aceite e colorante alimentario.





Guau!!! O resultado foi sorprendente!! A auga e o aceite "pelexan", non se mesturan, e o colorante alimentario non tingue o aceite pero si a auga. Emocionados, continuamos experimentando. As profes tiñan un "ingrediente misterioso" que botaron na nosa mestura...que sucedeu?
Mirade...




O ingrediente misterioso era unha pastilla efervescente que provocou burbullas na auga tinguida, estas atravesaban o aceite sen misturarse e despois volvían baixar á auga. As profes explicáronos que non era cousa de maxia, senón de ciencia.

Gustounos tanto que nos xuntamos de novo na biblioteca para contarlle como fixemos o experimento aos compañeiros e compañeiras de 3 anos.
Quedamos cun gran sabor de saber, e coas ganas de aprender moito e ser grandes científicos!
Podedes ler máis no blog da nosa biblioteca, si premedes no enlace: O blog de MIMI.


11/12/17

Visita a Clesa catro e cinco anos

O pasado 1 de decembro visitamos a fábrica Clesa en Caldas de Reis. Os nosos anfitrións foron os integrantes de Polo Correo do Vento, grandes profesionais que nos achegaron dun xeito moi lúdico o traballo diario desta fábrica.
 


Fixemos un pequeno obradoiro de debuxo e seguindo paso a paso as instruccións... debuxamos unha fermosa vaca!

Para rematar tomamos unha rica merenda, cortesía de Clesa. 

Queremos agradecer a amabilidade e o bo facer destes dous profesionais, así memo, dar as gracias a Clesa por abrir as súas portas  aos centros escolares que desexen visitar a fábrica, pola rica merenda e polo detalle que tivo con cada neno e cada profesora.

30/6/17

Agasallos "Cóntame un conto veciño"

O pasado 19 de xuño, o Concello obsequiou aos nenos e nenas de Educación Infantil do CEIP Amor Ruibal pola súa participación a nivel de aula no certame interconcellos Portas-Barro "Cóntame un conto veciño". Os encargados do día recolleron o agasallo en nome da súa aula. A emoción e ilusión eran visibles nas caras dos nosos alumnos e alumnas.

Moitísimas grazas!

29/6/17

XOGOS DE VERÁN

Un dos últimos días de escola, aproveitando a calor, as nenas e os nenos de Infantil participamos en diferentes xogos no ximnasio e no patio.
Pasámolo moi ben!

INVESTIGAMOS SOBRE... "OS CABALOS"

Na aula de 5 anos - A tivemos como mascota este curso : "O cabalo". Investigamos sobre estes animais tan apaixonantes: razas, alimentación, fisionomía, seleccionamos a información e desenvolvemos un completo proxecto que quedou así de bonito.




PINTAMOS COMO...

Durante o terceiro trimestre, as nenas e os nenos de 4º de EI (3 anos), desenvolveron un pequeno proxecto de arte.
Aquí deixamos unha pequena recollida dos mellores momentos.

13/6/17

LUDANTIA,REPENSANDO OS PATIOS.


O pasado xoves 8 de xuño os nenos e nenas de 4 anos disfrutamos dun obradoiro moi divertido impartido por Sheila García Prado e que titulou "re-pensando Barro". Dentro do proxecto que o noso cole está desenvolvendo para Ludantia. Aquí deixamos unhas bonitas imaxes.

25/5/17

VISITAMOS A ESCOLA INFANTIL "A GALIÑA AZUL"

As aulas de 4º curso de Infantil (4 anos) estiveron o luns na escola "A Galiña azul" para realizar un contacontos. Sentíronse "maiores" por un día e ... fixérono realmente ben!
Podedes ver un resumo desta saída no seguinte vídeo.


7/5/17

"REVITALIZA" TAMÉN CHEGA A INFANTIL

Os nenos e nenas de 5º curso de Primaria prepararon para os peques de 5º e 6º de infantil (4 e 5 anos) o contido da exposición "Revitaliza" cedida polo CEIDA e que estivo na Biblioteca do cole durante dúas semanas.
No blog da biblioteca podedes ver o vídeo resumo e ler toda a información sobre as actividades relacionadas con esta exposición que se desenvolveron no colexio.

30/3/17

DÍA DA POESÍA 2017

No día 21 de marzo celebrouse o Día da Poesía. Este ano a autora homenaxeada foi Gloria Fuertes. As nenas e os nenos de tres anos tamén se sumaron á conmemoración, e aprenderon unha poesía curtiña "Mi cara" e fixeron retratos da autora. Aquí deixamos unha pequena montaxe.